DIANTE UNHA IMAXE DE ÍÑIGO DE LOYOLA
A místeca alegría no sembrante,
no peito a ira, o sono na mirada,
ben te conezo, Euménide sagrada,
trenca virtú, católico bergante.
Treidora do Evanxelio a lei amante,
a Esposa dos Cantares, desleigada,
tivo tratos co demo e desta hallada
naciches ti, ¡parásito trunfante!
Mais ¿qué fas nese altar roubando preces,
xenio da intolerancia soberano,
ti, que tan só maldiciós mereces?
¿Ti, que trocache a Cristo nun tirano,
ós saiós e ós verdugos en xueces,
i en fouce a Dios do pensamento humano?
Manuel Curros Enríquez